Friday 17 de May de 2024

O centro social polivalente de Brión acollerá mañá venres o espectáculo de monicreques “A viaxe de Rosalía”


O centro social polivalente de Brión acollerá mañá venres 10 de marzo, ás 18:00 horas, o espectáculo de monicreques “A viaxe de Rosalía”, organizado polo Concello de Brión, en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), dentro do seu programa especial para conmemorar o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. A función está pensada para un público a partir dos seis anos de idade e a entrada é totalmente libre e de balde.

“A viaxe de Rosalía” é un espectáculo de 45 minutos que combina monicreques de mesa e música e que está inspirado na figura de gran poetisa galega. A representación ten como fío condutor a Francisca Campo, que conta a historia da súa afillada: Rosalía de Castro. Da súa man, os presentes coñecerán as vivencias cotiás e entrañables que foron conformando a personalidade da que máis tarde se convertería na escritora máis recoñecida da nosa literatura.

A obra xira arredor dos monicreques de Larraitz Urruzola, da música e da súa propia interpretación actoral. “A viaxe de Rosalía” é un coidado espectáculo no que traballou un recoñecido elenco artístico e técnico galego. Canda a propia Larraitz (produtora, actriz e construtora dos monicreques), este espectáculo é posible grazas a un equipo composto por Lucho Penabade (autor e director); Luís Javier Iglesias (cabezas dos monicreques de Rosalía e aderezo); Olga Viéitez (vestiario e corpos de Rosalía); Mirari Urruzola (escenografía); José Luís do Pico (espazo sonoro); Juan Luís Rúa (fotografia) e Xosé Bocixa (vídeo).